luns, 25 de xaneiro de 2021

NOVIDADES DA LOMLOE

A nova lei que entrou en vigor o martes 19 de xaneiro  trae consigo unha serie de cambios e medidas. Na etapa de Infantil e Primaria destacan as seguintes: 

  • A etapa de educación infantil segue a ter carácter voluntario, mais o primeiro ciclo (0 a 3 anos) deste período  pasa a considerarse educativo e non meramente asistencial. Os centros que o impartan deberán cumprir uns requisitos mínimos e elaborar unha proposta pedagóxica para poder impartir a etapa. Resáltase a condición compensadora da etapa de posibles contextos desfavorecidos. 
  • En Educación Primaria recupérase a organización en tres ciclos de dous cursos.
  • As materias redúcense a obrigatorias e optativas. Reordénanse as áreas de coñecemento que, en Educación Primaria, quedarán do seguinte xeito:  
  1. Educación Artística, que se poderá desdobrar en Educación Plástica e Visual e Música e Danza.
  2. Coñecemento do Medio natural, social e cultural, que se poderá desdobrar en Ciencias da Natureza e Ciencias Sociais.
  3. Educación Física.
  4. Lingua Castelá e Literatura.
  5. Lingua Galega e Literatura.
  6. Lingua Estranxeira.
  7. Matemáticas.

  • En 5º ou 6º de Educación Primaria estudarase a materia de Valores Cívicos e Éticos, centrada especialmente nos Dereitos Humans e da Infancia, os recollidos na Constitución española, a igualdade de xénero, a cultura da paz, a función social dos impostos e o respecto polo entorno e os animais, entre outros  temas.
  • A materia de Relixión será de oferta obrigatoria, pero deixará de contar na nota media do expediente e de ter unha materia alternativa.
  • Dedicarase un tempo diario á lectura e traballaranse en todas as áreas a comprensión lectora, a expresión oral e escrita, a creación artística, a comunicación audiovisual, a competencia dixital, o fomento da creatividade e do espírito científico.
  • Ademais traballarase a educación para o consumo responsable e o desenvolvemento sostible, a educación para a saúde, incluida a afectivo-sexual. Porase especial atención á educación emocional e en valores.
  • Realizarase particular énfase en garantir a inclusión educativa, a atención personalizada e a prevención das dificultades de aprendizaxe.
  • Limitase o número de repeticións do alumno/a. So se poderá repetir unha vez en toda a primaria no último curso de cada ciclo, cando o equipo docente considere que o alumno/a non acadou as competencias previstas, sendo unha medida excepcional que deberá ir acompañada dun plan específico e personalizado de apoio.
  • Os referentes da avaliación no caso de alumnos/as con necesidades educativas especiais serán os incluidos nas correspondentes adaptacións do currículo, sen que este feito poida impedirlles promocionar de ciclo ou etapa. Estableceranse as medidas máis adecuadas para que as condicións de realización dos procesos asociados á avaliación se adapten ás necesidades do alumnado con necesidade específica de apoio educativo.
  • Ao finalizar cada un dos ciclos o titor/a emitirá un informe sobre o grao de adquisición das competencias de cada alumno/a,  indicando, no seu caso, as medidas de reforzo que se deben contemplar no ciclo ou etapa seguinte. Ao rematar a  Educación Primaria cada alumno/a disporá dun informe sobre a súa aprendizaxe, obxectivos acadados e competencias adquiridas para garantir a transición de etapa.
  • Realizaranse probas de competencias básicas en 4º de Educación Primaria  cun fin informativo e orientador.
  • O castelán deixará de figurar como lingua vehicular do ensino. As administracións garantirán o dereito a recibir ensinanzas en castelán e nas linguas propias para acadar un dominio pleno e equivalente en ambas. 

No seguinte enlace podes acceder ao texto completo da lei: Ley Orgánica 3/2020, de 29 de diciembre, por la que se modifica la Ley Orgánica 2/2006, de 3 de mayo, de Educación.



Ningún comentario:

Publicar un comentario