venres, 27 de novembro de 2020

RABIA E FRUSTRACIÓN

A rabia é unha emoción que aparece cando percibes que hai unha situación que causa dano ou inxustiza na túa vida, saber xestionala  vainos permitir frear e por límites a dita situación afastándonos da mesma ou pedindo que deixen de facer iso que nos causa dor.

A frustración aparece cando non se cumpren as nosas expectativas, é dicir, cando perdes as expectativas dun logro concreto. Aprender a tolerar a frustración é fundamental para o desenvolvemento da personalidade e os adultos debemos acompañar e escoitar  nos momentos nos que frustración aparece así como axudar a buscar solucións  alternativas que fagan madurar a nenas/os  e que estes  poidan  seguir adiante.

No blog de convivencia do cole este vindeiro mes de decembro facemos unha proposta de actividades para traballar na xestión de rabia e frustración, como adianto podedes ver este vídeo no que un grupo de rapaces e rapazas nos din como inflúen neles esas emocións e  como fan  cando se anoxan.




mércores, 25 de novembro de 2020

OS 90 MELLORES LIBROS PARA DOCENTES

Achéganse as festas de Nadal e na web EDUCACIÓN3.0 fixeron unha recompilación dos 90 mellores libros para docentes, botádelle un ollo.

 

Preme na imaxe para acceder ao listado de libros

domingo, 22 de novembro de 2020

RECOMENDACIÓNS, CONSELLOS E TÉCNICAS DE ESTUDO

Compartimos con vós dous sinxelos documentos onde se recollen unha serie de recomendacións, técnicas e consellos para favorecer o estudo, consellos que será preciso telos máis en conta a medida que avancemos cursos.




Temos tamén unha presentación de Noemí Sanchez pensada, en principio para a ESO, pero que xa lle podedes ir botando un ollo o alumnado de 5º e 6º de E.P.



mércores, 18 de novembro de 2020

TOLERANCIA

Entendemos a tolerancia como unha cualidade persoal que implica aceptar as opinións, crenzas e sentimentos dos demais, comprendendo que os diferentes puntos de vista son naturais e inherentes a condición humana.

A Tolerancia tamén se traballa e podemos facelo con actividades e dinámicas como estas:

  • Predicando co exemplo.
  • Demostrando respecto cara aos demais.
  • Fomentando autoestima.
  • Falando de sentimentos.
  • Lendo contos e xogando en familia.
  • Viaxando e coñecendo diferentes culturas.
  • Corrixindo actitudes e estereotipos e valorando á diversidade.

Na web ayudaparamaestros.com atopamos 6 vídeos para traballar a tolerancia que pensamos poden ser de moita utilidade para ver na aula ou na casa.

 

 Preme na imaxe para acceder aos vídeos

Internet non pode ser unha excepción, cando navegamos pola rede precisamos rematar cos discursos de odio e apostar polo respecto e a diversidade.

Este documento resume de xeito claro e sinxelo como podemos ser máis tolerantes cando usamos ás redes sociais ou simplemente facemos uso da rede.

Preme na imaxe para acceder aos vídeos de cada un dos pasos

domingo, 15 de novembro de 2020

EMPATÍA

 A empatía é a capacidade de comprender a vida emocional da outra persoa, a capacidade que nos permite observar o que sente, poñernos nos seus zapatos.


Rafa Guerrero neste vídeo danos algunhas pistas sobre que é a empatía e como desenvolvela nos nenos e nenas.

É moi importante porque permite experimentar os seguintes beneficios:

  • Permite desfrutar das relación sociais, participando máis co grupo de amigos.
  • Facilita a resolución de conflitos.
  • Predispón a axudar aos demais e compartir
  • Desenvolve capacidades como liderado, negociación, colaboración…
  • Favorece a convivencia e é básica na prevención do acoso escolar
  • Serve para construír relacións sólidas e  enriquecedoras

    

A empatía podemos traballala do seguinte xeito:

  • Pregunta, escoita  e amosa interese.
  • Presta atención aos seus sentimentos sen xulgalos.
  • Acepta que cada persoa sente as súas propias emocións e sentimentos.
  • Expresa emocións e sentimentos propios
  • Amosa comprensión
  • Representa dramatizacións
  • Da exemplo

No seguinte vídeo danos algunhas ideas de como favorecer a empatía

Ser empáticos implica ser receptivo ante as emocións das persoas que nos rodean, e que teñamos  a capacidade de identificalas, implica comprender e aceptar o que a outra persoa sente sen xulgala.

Lourdes Otero orientadora do IES Xosé Neira Vilas comparte este emocionario para que aprendamos a expresar como nos sentimos segundo distintas variables situacionais.

xoves, 12 de novembro de 2020

GUÍA DE ACTUACIÓN ANTE CASOS DE VIOLENCIA DE XÉNERO NO ÁMBITO EDUCATIVO

Presentámosvos esta Guía co fin de que o persoal docente teña  información e ferramentas precisas para saber o que cómpre facer ante sospeitas ou coñecemento dunha situación de violencia de xénero, xa que unha adecuada intervención inicial pode ser fundamental para lograr unha eficaz atención e resolución destes casos.

 


Preme na imaxe para acceder á Guía

mércores, 4 de novembro de 2020

DIFERENTES

Presentámosvos este libro de Ángels Ponce e Miguel Gallardo que pretende que entendamos a discapacidade dun xeito sinxelo. 

Fainos ver que todos temos capacidades diferentes  cando, por exemplo, somos capaces de identificar aquelas tarefas que nos supoñen máis esforzo e dificultade para levalas a cabo.

Ao resto, o que de verdade importa,  é que nos demos conta de que todas as persoas con ou sen discapacidade temos moitas cousas en común.

 


 Preme na imaxe para acceder ao conto