martes, 26 de xaneiro de 2021

COVID-19 GUÍA PARA FAMILIARES EN DÓ

Compartimos esta guía adicada ás persoas que están a pasar por unha situación de dó pola morte dun ser querido por mor da COVID -19.

O documento foi elaborado polo Grupo de Trabajo de Duelo y Pérdida de Sevilla del COP de Andalucia Occidental.

A guía oferta unhas pautas para adultos e alumnado co fin de axudar a afrontar o dó pola morte dun familiar.


Preme na imaxe para acceder á Guía


O alumnado de 5º e 6º tamén pode botar man deste Plan de Apoio Socioemocional da orientadora Noemí Sanchez Delgado.

MOITA FORZA A TODOS E TODAS


luns, 25 de xaneiro de 2021

NOVIDADES DA LOMLOE

A nova lei que entrou en vigor o martes 19 de xaneiro  trae consigo unha serie de cambios e medidas. Na etapa de Infantil e Primaria destacan as seguintes: 

  • A etapa de educación infantil segue a ter carácter voluntario, mais o primeiro ciclo (0 a 3 anos) deste período  pasa a considerarse educativo e non meramente asistencial. Os centros que o impartan deberán cumprir uns requisitos mínimos e elaborar unha proposta pedagóxica para poder impartir a etapa. Resáltase a condición compensadora da etapa de posibles contextos desfavorecidos. 
  • En Educación Primaria recupérase a organización en tres ciclos de dous cursos.
  • As materias redúcense a obrigatorias e optativas. Reordénanse as áreas de coñecemento que, en Educación Primaria, quedarán do seguinte xeito:  
  1. Educación Artística, que se poderá desdobrar en Educación Plástica e Visual e Música e Danza.
  2. Coñecemento do Medio natural, social e cultural, que se poderá desdobrar en Ciencias da Natureza e Ciencias Sociais.
  3. Educación Física.
  4. Lingua Castelá e Literatura.
  5. Lingua Galega e Literatura.
  6. Lingua Estranxeira.
  7. Matemáticas.

  • En 5º ou 6º de Educación Primaria estudarase a materia de Valores Cívicos e Éticos, centrada especialmente nos Dereitos Humans e da Infancia, os recollidos na Constitución española, a igualdade de xénero, a cultura da paz, a función social dos impostos e o respecto polo entorno e os animais, entre outros  temas.
  • A materia de Relixión será de oferta obrigatoria, pero deixará de contar na nota media do expediente e de ter unha materia alternativa.
  • Dedicarase un tempo diario á lectura e traballaranse en todas as áreas a comprensión lectora, a expresión oral e escrita, a creación artística, a comunicación audiovisual, a competencia dixital, o fomento da creatividade e do espírito científico.
  • Ademais traballarase a educación para o consumo responsable e o desenvolvemento sostible, a educación para a saúde, incluida a afectivo-sexual. Porase especial atención á educación emocional e en valores.
  • Realizarase particular énfase en garantir a inclusión educativa, a atención personalizada e a prevención das dificultades de aprendizaxe.
  • Limitase o número de repeticións do alumno/a. So se poderá repetir unha vez en toda a primaria no último curso de cada ciclo, cando o equipo docente considere que o alumno/a non acadou as competencias previstas, sendo unha medida excepcional que deberá ir acompañada dun plan específico e personalizado de apoio.
  • Os referentes da avaliación no caso de alumnos/as con necesidades educativas especiais serán os incluidos nas correspondentes adaptacións do currículo, sen que este feito poida impedirlles promocionar de ciclo ou etapa. Estableceranse as medidas máis adecuadas para que as condicións de realización dos procesos asociados á avaliación se adapten ás necesidades do alumnado con necesidade específica de apoio educativo.
  • Ao finalizar cada un dos ciclos o titor/a emitirá un informe sobre o grao de adquisición das competencias de cada alumno/a,  indicando, no seu caso, as medidas de reforzo que se deben contemplar no ciclo ou etapa seguinte. Ao rematar a  Educación Primaria cada alumno/a disporá dun informe sobre a súa aprendizaxe, obxectivos acadados e competencias adquiridas para garantir a transición de etapa.
  • Realizaranse probas de competencias básicas en 4º de Educación Primaria  cun fin informativo e orientador.
  • O castelán deixará de figurar como lingua vehicular do ensino. As administracións garantirán o dereito a recibir ensinanzas en castelán e nas linguas propias para acadar un dominio pleno e equivalente en ambas. 

No seguinte enlace podes acceder ao texto completo da lei: Ley Orgánica 3/2020, de 29 de diciembre, por la que se modifica la Ley Orgánica 2/2006, de 3 de mayo, de Educación.



venres, 22 de xaneiro de 2021

LEI ORGÁNICA DE MODIFICACIÓN DA LOE - LOMLOE -

O martes 19 de xaneiro entrou en vigor a Lei Orgánica de modificación da LOE (LOMLOE), tamén coñecida como Lei Celaá, despois da súa publicación no Boletín Oficial do Estado o 30 de decembro de 2020.

O calendario de implantación queda como segue:

No presente curso 2020/2021 implementaranse os cambios que afectan a:

  • A admisión de alumnado.
  • A Autonomía dos centros docentes.
  • A participación e competencias dos Consellos Escolares.
  • A selección do director/a nos centros públicos. 

Os procesos relativos a selección do director/a e á admisión do alumnado que se iniciaran con anterioridade á entrada en vigor desta Lei, rexiránse pola normativa vixente no momento de iniciarse. 

No curso 2021/2022 implantaranse as modificacións que afectan a:

  • As modificacións introducidas na avaliación e condicións de promoción das diferentes etapas educativas.
  • As modificacións introducidas nas condicións de titulación de educación secundaria obrigatoria, ciclos formativos de grao básico e bacharelato.
  • A titulación das ensinanzas profesionais de música e danza.
  • As condicións de acceso ás diferentes ensinanzas.


O novo curriculo, organización, obxectivos e programas implantaranse dos seguinte xeito:

  • Curso 2022/2023: 1º, 3º e 5º de Educación Primaria; 1º e 3º de ESO; 1º de Bacharelato e 1º dos ciclos formativos de grao básico.
  • Curso 2023/2024: 2º, 4º e 6º de Educación Primaria; 2º e 4º da ESO, 2º dos ciclos formativos de grao básico; acceso á universidade e probas diagnósticas en 4º de Educación Primaria e 2º de ESO.

mércores, 20 de xaneiro de 2021

DESEÑO UNIVERSAL DE APRENDIZAXE E NEUROEDUCACIÓN

Coral Elizondo deseña un calendario no que propón 12 pautas e 12 propostas para lograr unha inclusión real.

Comezamos,  xaneiro  e as  redes afectivas.


Preme na imaxe para acceder ao calendario

martes, 5 de xaneiro de 2021

POR UN XOGO IGUALITARIO E NON VIOLENTO

Hoxe 5 de xaneiro chegan os Reis e desde o centro non podemos estar máis de acordo con esta campaña da Deputación de Pontevedra na que invita a que os  xogos, xoguetes e agasallos que escollamos non sexan sexistas nin violentos.

Veñen de publicar unha Guía e unha actividade moi entretida que podedes descargar a continuación.

 

Preme na imaxe para accede á Guía

 

Preme na imaxe para acceder á tarefa